E o sol era Ela: sufrimento e catarse

No prólogo que a tamén poeta Eva Veiga lle pon ao poemario E o sol era Ela, escrito coa lucidez, a profundidade, a sensibilidade humana e o brillo da palabra que tanto caracteriza toda a obra da escritora de Ombre, están perfectamente recollidas as claves deste libro co que Medos Romero acadou o XIX Premio de Poesía Afundación. Fala Eva Veiga dunha “viaxe ao máis dentro”, á “primeira ferida”, de “remontar o curso da propia historia, revivila para o seu catártico recoñecemento”, dunha “dor orixinal” que se vai acrecentar con “outros danos non menores como son o do abandono, o da incomprensión ou o drama de non ser vista na infancia”. E nós engadiriamos: o drama, en definitiva, de non sentirse amada na infancia. Porque, efectivamente, estamos fronte a unha poesía que fala dunha nenez rota, esgazada emocionalmente, con todas as consecuencias que iso pode ter para unha nena de só tres anos de idade, que ten que comezar a crecer sen a presenza e o amor dos pais. E xa sen entrar nos poemas, seguindo o prólogo, sabemos que a protagonista será conducida ante un “el” á fin de rematar de vez con aquela “doenza”, “Mais esa cura será en falso e o eu vivirá desorientado en torno aos seus mantras angustiosos, entre a adoración ou amor enfermizo pola nai e o desprezo por si mesma”, engade Eva Veiga, que tamén sintetiza moi ben o camiño que finalmente esta nena xa feita unha muller realiza cara ao sosego e a felicidade plena e que pasa por “volver ao seo materno para ser parida novamente” e “voltar ao humus vexetal, ao colo daquel bosque da infancia, xa non como espazo de fuga senón de encontro”. A atenta lectura dos poemas confirmará todo canto se nos adianta no prólogo e iremos descubrindo, verso a verso, dunha forma núa e mesmo impactante, mais non exenta de beleza, cunha verdade e transparencia que certamente estremece, todo ese inferno interior, ese descomunal sufrimento que precede á catarse e, en definitiva, á curación que ilumina a última parte do libro. Algúns críticos téñense referido así a E o sol era Ela: “Dicir Medos Romero é nomear unha das nosas voces poéticas máis poderosas que existen na actualidade. Confírmao este recente Premio de Poesía Afundación 2021” (Ramón Nicolás), “Con este libro Medos Romero alcanza a plenitude poética” (Armando Requeixo).

A Xanela Verde