O porqué deste blog

autor: Paco Fernández Romero

Nacín no cuarto grande da casa do Pombal. Miña nai contábame sempre que me pariu con moita dor e que tivera que vir a comadrona. Á forza teño que amar a terra, pois o día anterior a parirme arou toda a tarde nela. Lévoa nas entrañas mesmo. Nacín nese cuarto que tiña ao pé do patín unha xanela verde cunha caravilla longa que se sostiña na pedra. Foi desde alí desde onde ollei o mundo de fóra por primeira vez. Desde aquela xanela contemplei o bico da Pena da Torre, o bico das árbores, a boca densa da néboa, a paisaxe impoñente...Todo aquel universo, alí, aos meus pés. Son tan afortunada por ese feito! Nese mundo, non sempre idílico e marabilloso para nós, fomos abríndonos á vida, fortes, coa dignidade por bandeira, desgraciada moitas veces, por sermos da aldea, por sermos humildes, por sermos mulleres...

Nesta outra xanela que aquí abrimos agora quero que entre o ar, que se vaia o tufo da humedén que garda as vellas ideas, como quen ventila un cuarto pechado demasidao tempo. Quero abrir este blog cun libro até hoxe inédito (A náusea como un puñal), que expresa a miña persoal rebelión contra un mundo de maltrato e violencia machista que xa se alonga demasiado no tempo. A miña dor, a miña denuncia e toda a miña solidariedade con tantas e tantas mulleres que sufren polo feito de ser elas mesmas. Desde a miña condición de muller, desde a miña náusea máis profunda, o meu grito de xustiza pola igualdade, este grito por todas aquelas mulleres que non poden facelo coma min.