No prólogo que a tamén poeta Eva Veiga lle pon ao poemario E o
sol era Ela, escrito coa lucidez, a profundidade, a sensibilidade
humana e o brillo da palabra que tanto caracteriza toda a obra da
escritora de Ombre, están perfectamente recollidas as claves deste
libro co que Medos Romero acadou o XIX Premio de Poesía Afundación.
Fala Eva Veiga dunha “viaxe ao máis dentro”, á “primeira
ferida”, de “remontar o curso da propia historia, revivila para o
seu catártico recoñecemento”, dunha “dor orixinal” que se vai
acrecentar con “outros danos non menores como son o do abandono, o
da incomprensión ou o drama de non ser vista na infancia”. E nós
engadiriamos: o drama, en definitiva, de non sentirse amada na
infancia. Porque, efectivamente, estamos fronte a unha poesía que
fala dunha nenez rota, esgazada emocionalmente, con todas as
consecuencias que iso pode ter para unha nena de só tres anos de
idade, que ten que comezar a crecer sen a presenza e o amor dos pais.
E xa sen entrar nos poemas, seguindo o prólogo, sabemos que a
protagonista será conducida ante un “el” á fin de rematar de
vez con aquela “doenza”, “Mais esa cura será en falso e o eu
vivirá desorientado en torno aos seus mantras angustiosos, entre a
adoración ou amor enfermizo pola nai e o desprezo por si mesma”,
engade Eva Veiga, que tamén sintetiza moi ben o camiño que
finalmente esta nena xa feita unha muller realiza cara ao sosego e a
felicidade plena e que pasa por “volver ao seo materno para ser
parida novamente” e “voltar ao humus vexetal, ao colo daquel
bosque da infancia, xa non como espazo de fuga senón de encontro”.
A atenta lectura dos poemas confirmará todo canto se nos adianta no
prólogo e iremos descubrindo, verso a verso, dunha forma núa e
mesmo impactante, mais non exenta de beleza, cunha verdade e
transparencia que certamente estremece, todo ese inferno interior,
ese descomunal sufrimento que precede á catarse e, en definitiva, á
curación que ilumina a última parte do libro. Algúns críticos
téñense referido así a E o sol era Ela: “Dicir Medos
Romero é nomear unha das nosas voces poéticas máis poderosas que
existen na actualidade. Confírmao este recente Premio de Poesía
Afundación 2021” (Ramón Nicolás), “Con este libro Medos Romero
alcanza a plenitude poética” (Armando Requeixo).
A Xanela Verde